Luís Loureira

SECCIÓNS

INICIO

O ESCULTOR

NOVAS

HEMEROTECA

GALERÍA

LIGAZÓNS

CONTACTAR


A Peneira dos Soños
Escultura conmemorativa do premio literario Biblos-Pazos de Galicia

TÍA MANUELA

Paciencia e unión

Luís Celeiro

16/09/2015


Se levantase a cabeza un dos labregos galegos da fouce e fouciño, non podería entender o que lles está pasando aos paisanos, aos tractorizados labregos que traballan coma el facía, de noite e de día. Os de hoxe, quizais menos  labregos do que foron os seus pais e avós, teñen igual ca eles a sensación de traballaren moito para pouco. As vacas que coidan dan leite de condicións inmellorables e, se antes as muxían en Madrid, agora móxenas tamén en Bruxelas.

O remate da cota do leite e o parón de Rusia na compra dos produtos lácteos dos franceses e alemáns  parece que son dous dos motivos da dramática situación.  Que ninguén pense que a razón está na subvención, que o mal vén da “sen razón” dos que esixen medidas xustas e equilibradas ou na potencia do motor, do autofalante ou da cor da máquina que anda polo monte automatizada arando e carretando moreas de sensabores.

Seguramente o peor do que está pasando sexa froito da incomprensión e da intolerancia, da falta de diálogo e do egoísmo extraordinario daqueles poderes económicos foráneos que queren someter e dobregar aos gandeiros, para que se dediquen a consumir mercadorías caras e a traballar de balde. Galicia produce leite, mentres en Alemaña e, sobre todo, en Francia transfórmase e dende alí fan  a comercialización, a distribución a onde poden, sen perder de vista nunca aos seus exclusivos intereses. Se os galegos queremos beber leite temos que comprarllo a eses comerciantes, aos que tiveron que vendérllelo os gandeiros nosos . E, o prezo?  O que sexa. Póñeno eles.

Os labregos e gandeiros novos, informados, estudados e traballadores, ao marxe das organizacións tradicionais, organízanse en plataformas para, se é necesario, comer o mundo á secas ou con auga fresca da fonte fría. Eles saben ben que a paciencia e a unión son as súas armas máis potentes. Quizais por iso, a Asemblea de Gandeiros de Lugo e a Organización de Produtores de Leite (OPL), responsables das mobilizacións,  van camiñar xuntas e sobre rodas polo mesmo roteiro. Os cidadáns, con resignación. Os sindicatos e os seus liberados,  observan e mantéñense forzosamente caladiños.


Artigo publicado en:

El Progreso (15/09/2015)
Diarío de Pontevedra (15/09/2015)
El Correo Gallego 
(16/09/2015)
La Región (16/09/2015)
 
Artigos publicados anteriormente:

1.)  Co lume acendido, cara á nada (05/08/2015)  
2.) A Compostela, máis de 100 quilómetros 
(12/08/2015)
3.) En Galicia, o viño tan só se fai de uvas (19/08/2015)
4.) Maldito Demo!
(25/08/2015)
5.) Tristeza total (02/09/15)
6.) Na loita, contra o mal
(09/09/15)

Luís Loureira - l.loureira@luisloureira.eu