Luís Loureira

SECCIÓNS

INICIO

O ESCULTOR

NOVAS

HEMEROTECA

GALERÍA

LIGAZÓNS

CONTACTAR


A Peneira dos Soños
Escultura conmemorativa do premio literario Biblos-Pazos de Galicia

TÍA MANUELA

Sen medios e sen dereitos

Luís Celeiro

30/09/2015


Marcharon por milleiros para América e moitos non volveron, morreron como morren os humildes e enterráronos lonxe, en silencio, todos caladiños e, se acaso, chorando con saloucos de amargura, coa tristeza cravada no peito e na testa. Os galegos fomos e somos emigrantes, temos unha enorme experiencia en señardade, temos mundo de traballadores e de solidariedade, temos forza, mans, ganas e futuro para andar, ver e mirar. Somos morriñentos andantes, de lugar en lugar, na procura dunha situación mellor, dunha badalada de aire fresco, na procura dun mundo novo, antes e agora.

A Tía Manuela, cos seus enormes ollos negros mollados, lembra como as súas veciñas, Asunción e Matilde, foron de emigrantes a Venezuela, sen saber onde estaba, sen ter unha visión clara de cal era a travesía que facía aquel enorme barco de brillante estampa mariñeira, dende Vigo a La Guaira, cun milleiro de persoas abordo. Non se sabe como foron dende o porto a Caracas, pero alí na cidade, abatidas e desalentadas, sentaron cada unha na súa maleta cos carrelos recostados na parede da igrexa da Candelaria e, mesmo antes de comezar os relevos para durmir, sen mediar palabra, romperon as dúas a chorar con bágoas que só puido secar a solidariedade doutros paisanos e paisanas que tamén choraban.

Eran miles e miles. A outra Galicia que traballaba e sufría na lonxanía. Na década dos cincuenta do século pasado, con Asunción e Matilde, fóronse de Galicia unhas 220 mil persoas. Na seguinte, fóronse máis. Pero, segundo datos aportados por Nacións Unidas, na actualidade, os migrantes internacionais superan os 231 millóns. Todos eles “contribúen ao desenvolvemento dos países de orixe, tránsito e destino”. Igual que o fixeron os nosos que forzosamente se foron, sen medios e sen dereitos.

Falando disto, a Axencia Europea de Dereitos Fundamentais (FRA), despois de estudar as consecuencias económicas, recomenda atención sanitaria para os emigrantes irregulares. Trátase dunha medida de aforro para os sistemas sanitarios europeos, xa que é máis barata a prevención que a curación. Xa ven! Todo é ganancia para os podentes ricos.


Artigo publicado en:

El Progreso (29/09/2015)
Diarío de Pontevedra (29/09/2015)
El Correo Gallego 
(30/09/2015)
La Región (
30/09/2015)


Artigos publicados anteriormente:

1.) Co lume acendido, cara á nada (05/08/2015)  
2.) A Compostela, máis de 100 quilómetros 
(12/08/2015)
3.) En Galicia, o viño tan só se fai de uvas (19/08/2015)
4.) Maldito Demo!
(25/08/2015)
5.) Tristeza total (02/09/15)
6.) Na loita, contra o mal
(09/09/15)
7.) Paciencia e unión (16/09/15)

8.) Táboa rasa (23/09/15)

Luís Loureira - l.loureira@luisloureira.eu