Luís Loureira

SECCIÓNS

INICIO

O ESCULTOR

NOVAS

HEMEROTECA

GALERÍA

LIGAZÓNS

CONTACTAR


A Peneira dos Soños
Escultura conmemorativa do premio literario Biblos-Pazos de Galicia

TÍA MANUELA

Como te chamas?

Luís Celeiro

10/08/2016


Unha mestra amiga, que traballa con meniños de preescolar, falaba da evolución dos nomes de nena e neno empregados con máis frecuencia na actualidade. Facíao de forma tan apaixonada que xerou enorme curiosidade no seu interlocutor, quen por fortuna deu cun estudo  do Instituto da Lingua Galega da Universidade de Santiago, realizado a partir dos datos aportados polo Instituto Nacional de Estatística, no que se indica que os dez  nomes de neno máis comúns en Galicia, entre 2000 e 2015, foron  Adrián, Alejandro, Brais, Daniel, David, Diego, Hugo, Javier, Leo, Lucas, Manuel, Martín, Mateo, Miguel,  Nicolás, Pablo e Sergio. Neste mesmo período, os máis comúns de nena foron Alba, Ana, Andrea, Antía, Carla, Daniela, Laura, Lucía, María, Marta, Martina, Nerea, Noa, Paula, Sara, Sofía, Uxía e Valeria.  Todos, ben bonitos.

Se nos circunscribimos ao 2015, os nomes de máis frecuencia foron Martín, Noa, Hugo, Martina, Mateo, Daniela, Pablo e Sofía. En tódolos territorios do Estado e tendo en conta datos do Padrón de xaneiro do ano pasado,  Antonio, José, Manuel, Francisco e Juan eran os nomes de home máis frecuentes.  De muller, os máis, eran María Carmen, María, Carmen, Josefa e Isabel. A Tía Manuela, ao coñecer os datos e verse no montón, quedou moi contenta. 149.434 persoas levan o seu nome e todas, boa xente.

O gusto polos nomes mudou, sufriu unha transformación relevante e deixou algúns para grupos moi reducidos. Por exemplo, a principios do ano 2015, había 26 mulleres co nome de Pataleona, 39 e 40 homes cos nomes de Firmo e Sindulfo, respectivamente. Entre tantos hai de todo e sempre aparecerá un que guste menos. Como te chamas? Ataúlfo, Ladislao, Filadelfo, Casildo e Cástulo, Zoilo, Doroteo e Restituto son parecidos e descoñecidos como Nemesia, Práxedes, Verísima, Rufa ou Preciosa.
 
Os apelidos tamén teñen o seu aquel. Saiban vostedes que cerca dun millón e medio de persoas apelidan García e máis de trinta mil son García García; máis de novecentas mil teñen por apelido González e case outras tantas apelidan Rodríguez. López son  menos, cun só apelido, non chegan, nos territorios do Estado, ás novecentas mil persoas e, cos dous apelidos López, son algo máis de trinta e cinco mil. E, Celeiro? A maioría dos 385 que levamos ese apelido somos Galegos, moitos deles, de Lugo.


Artigo publicado en:

El Progreso (09/08/16)
Diarío de Pontevedra (
09/08/16)
El Correo Gallego (10/08/2016)
La Región (10/08/2016)


Artigos publicados anteriormente:

54).Como te chamas? (10/08/16)
53).Ánimo e saúdos! (03/08/16)
52).A patria (27/07/16)
51). O falar non ten cancelas (20/07/16)
50). Envellecemento saudable (13/07/16)
49). O amigo do home (05/07/16)

1º semestre de 2016.-

Ano 2015.-


Luís Loureira - l.loureira@luisloureira.eu