Luís Loureira

SECCIÓNS

INICIO

O ESCULTOR

NOVAS

HEMEROTECA

GALERÍA

LIGAZÓNS

CONTACTAR


A Peneira dos Soños
Escultura conmemorativa do premio literario Biblos-Pazos de Galicia

TÍA MANUELA

O gato, razoando

Luís Celeiro

05/10/2016


Tiña gatos na casa, un deles era Miau, un siamés tradicional, do que estaba namorado polos seus ollos azuis e pola suavidade do seu pelo curto; outro era un gato vello e salvaxe, un animal moi activo e afectuoso, un gato bengalí, Amadeo, que parecía o xefe da casa, na que tamén mandaba a gata nai, Leiria, unha persa que pouco se movía, de pelos longos e corpo engordado. O cuarto era un gatiño, ou non sei se gata, de poucos meses, que acababa de chegar á casa coa súa muller que viña, coas amigas, dunha viaxe polos países nórdicos. Este noviño vai facer un bo gato. Lourenzo e a súa dona, da que non vou dar nome, están encantados con el, trátano como se fose o meniño, o picariño da casa.

Na mesa de comer, o matrimonio sen fillos,  reserva sitio e servizo para  os gatos, aos que sentan intercalados cos invitados. Leiria preside a mesa redonda e Lourenzo serve a comida, a ensalada e a bebida. Ao principio daba certo reparo, pero enseguida se acostuma un e faise o que faga falta para que os amigos que convidan gocen e para que aos gatos lles preste o xantar. Para eles os catro, de primeiro, había sardiñas en forma de ceviche, como para nós, pero en fonte diferente, e despois, queixo. Os tres tipos diferentes do queixo, para os gatos, sen marmelo, por mor da diabetes. Para os outros catro que estabamos na mesa, o doce era feito en casa de confianza. Bo, moi bo!

Miles de gatos no mundo e milleiros de páxinas nas que se escribe deles. Hemingway chegou a ter na súa casa máis de cincuenta e un dos meus prezados poetas, Bernardino Graña, fala do gato da tasca mariñeira, con versos que loan o seu comportamento tranquilo, o daquel gato caladiño que ergue as orellas e ulisca, mentres vinte homes falan, beben branco e tinto, berran e danse a man, naquela taberna súa. Outros escritores falan dos gatos e fan narracións, contos, poemas e obras literarias diversas con eles de protagonistas. Moitas destas pezas acadaron grande popularidade e éxito.

Estes félidos, de suprema elegancia e amantes da liberdade, son amigos do home e contribúen a esa amizade con honestidade no plano emocional. Son como un refuxio nas horas baixas e compañeiros amorosos na casa. Son como deberían ser as persoas que andan dirixindo na política, como o gato de don Miguel de Unamuno que, ao seu ver, sempre estaba razoando.

Artigo publicado en:

El Progreso
(04/10/16)
Dirio de Pontevedra
(04/10/16))
La Región (05/10/16)
El Correo Gallego
(05/10/16)

Artigos publicados anteriormente:

62). O gato, razoando
(05/10/16)
61). Deberes, por que non? (27/09/16)
60). A escola (21/09/16)

59). Felicidades e ánimo! (14/09/16)
58). A calidade do aire (07/09/16)

57).Cambiaron os tempos (31/08/16)
56).
Que bonito sería! (24/08/16)
55).
A USC, entre as mellores (17/08/16)
54)
.Como te chamas? (10/08/16)
53).
Ánimo e saúdos! (03/08/16)
52).
A patria (27/07/16)
51).
O falar non ten cancelas (20/07/16)
50). Envellecemento saudable (13/07/16)
49). O amigo do home (05/07/16)
 
1º semestre de 2016.-

Ano 2015.-

Luís Loureira - l.loureira@luisloureira.eu