Luís Loureira

SECCIÓNS

INICIO

O ESCULTOR

NOVAS

HEMEROTECA

GALERÍA

LIGAZÓNS

CONTACTAR


A Peneira dos Soños
Escultura conmemorativa do premio literario Biblos-Pazos de Galicia

TÍA MANUELA

Pedro Farrapeiro

Luís Celeiro

21/12/2016


Internet chegou tarde para moitos dos paisanos que, a mediados do século pasado, andaban na verea de vendedores ambulantes, gañando a vida coa maleta ao lombo ou no lombo da mula, recorrendo a terra, de aldea en aldea e de casa en casa, ofertando e comprando ou, se era o caso, intercambiando, facendo honores á economía do troco. Se na época, Pedro Farrapeiro puidera falar por teléfono aforraría horas, quilómetros e calzado. Eran, efectivamente, outros tempos. A mula era semellante, idéntica á que anteriormente acompañaba ao seu pai e á que, uns anos máis tarde, guiaba polas mesmas corredoiras ao seu fillo, tamén Pedro e Farrapeiro.

Levaban produtos necesarios, imprescindibles e difíciles de pagar. Eran portadores de novas, de novas e de vellas noticias descoñecidas: un suceso horrible acaecido naquela aldea veciña, un crime en calquera lugar de calquera concello amigo, a matanza con sete coiteladas daquela persoa ben querida, o peor do que podía pasar ou os amoríos da veciña máis guapa co paspán da ribeira. As novas tiñan pouca fiabilidade, pouca veracidade e pouca obxectividade, pero eran capaces de producir tremores grandes no auditorio.

Xunto aos vendedores de todo, ían polos lugares de Galicia moitos homes con oficios diversos e necesarios, imprescindibles naqueles tempos. Os que facían, a modo de adivais, cordas de sedas dos porcos para atar o carro coa leña, os feixes de verzas e as varas das fabas. Polas aldeas andaban os canteiros co seu latín falando, os serradores portugueses, os carpinteiros de diversas especialidades, os carboeiros que facían o carbón do cotaño das cozas, os zapateiros e zoqueiros. Recitaban versos, cantaban cancións fermosas, deleitábanse coas coplas de cego e miraban o mundo con grande alegría e con tristeza enorme ao mesmo tempo.

Petaban na porta e agardaban, abrían a maleta e ensinaban. Todas eran atractivas novidades. Cousas nunca vistas. Unha romaría intercultural e de diversidade, con músicos e facedores de instrumentos, trapalleiros de todo tipo, construtores de  almadraques de palleira ou xergóns coas follas de millo secas, zarralleiros, afiadores e capadores. Todos, cada un ao seu xeito, ofertando o que tiñan, vendendo o que podían. Se existiran as redes de hoxe, a onde chegarían?

Artigo publicado en:

El Progreso (20/12/16)
Dirio de Pontevedra
(20/12/16)
La Región (21/12/16)
El Correo Gallego
(21/12/16)

Artigos publicados anteriormente:

73). Pedro Farrapeiro
(21/12/16)
72
). Onde está o medo?
(14/12/16)

71). No hospital, para curar
(07/12/16)

70
). Murallas de arames
(30/11/16)

69).
Intelixencia
(23/11/16)
68).
A soidade (16/11/16)

67). Minguan os dereitos (09/11/16)
66).
Xente de a pé (02/11/16)

65). Máquinas, para todo (26/10/16)
64).
O toque de Víctor Pumarega (19/10/16)

63). Parecen galegos! (11/10/16)
62). O gato, razoando
(05/10/16)
61). Deberes, por que non? (27/09/16)
60). A escola (21/09/16)

59). Felicidades e ánimo! (14/09/16)
58). A calidade do aire (07/09/16)

57).Cambiaron os tempos (31/08/16)
56).
Que bonito sería! (24/08/16)
55).
A USC, entre as mellores (17/08/16)
54)
.Como te chamas? (10/08/16)
53).
Ánimo e saúdos! (03/08/16)
52).
A patria (27/07/16)
51).
O falar non ten cancelas (20/07/16)
50). Envellecemento saudable (13/07/16)
49). O amigo do home (05/07/16)

1º semestre de 2016.-

Ano 2015.-

Luís Loureira - l.loureira@luisloureira.eu