Luís Loureira

SECCIÓNS

INICIO

O ESCULTOR

NOVAS

HEMEROTECA

GALERÍA

LIGAZÓNS

CONTACTAR


A Peneira dos Soños
Escultura conmemorativa do premio literario Biblos-Pazos de Galicia

TÍA MANUELA

Patacas para todos

Luís Celeiro

15/03/2017


A voltas coas patacas. Científicos peruanos do Centro Internacional da Papa (CIP) de Lima, conxuntamente con outros americanos do Centro de Investigación Ames (ARC) da NASA, están estudando a forma de producir patacas en condicións extremas, en solos parecidos aos do planeta Marte, a uns cincuenta e cinco millóns de quilómetros de distancia da Terra. É un labor que require traballo intenso e moita experimentación, pero se conseguen que a planta prenda e medre en terreos áridos, fríos e secos,  poida que a pataca contribúa outra vez a erradicar a fame, en moitas zonas da Terra, e amais sexa un alimento de agrado para os marcianos.

A historia di que nas ribeiras peruana e boliviana  do lago Titicaca había patacas xa dous mil anos antes de Cristo. Dende alí estendéronse polos cinco continentes, sendo primeiro unha planta ornamental para os ricos e despois un produto para quitar a fame dos pobres. Os españois trouxérona e hoxe é o cuarto cultivo para a alimentación no mundo que come. Bo sería que a ciencia propiciara o seu cultivo naquelas outras zonas, onde a poboación non ten nada que comer. Despois, seguramente que medraría tamén en Marte.

Os produtores da Limia, de Coristanco, Cospeito, da Mariña Lucense ou de calquera outro lugar desta terra de patacas, agora que estamos na época de plantalas, saben ben o traballo que dan, preparar a terra, arar, estercar, sachar, loitar contra as pragas, arar outra vez, apañar e carretalas para o soto. Do soto á pota de porcelana e ao caldeiro de ferro,  para a comida da xente e dos animais. Patacas co que sexa, para fartura. Patacas para os restaurantes de luxo e bo comer e tamén, ou máis aínda, para as populares casas de comidas. Patacas de mil formas, pero fritas e con ovos fritos, que ricas son!

Galicia alimentouse de patacas, castañas e millo. Agora os labregos, aínda que experimentados, non dan creto do que lles agarda. Ninguén sabe como será o arado de Marte, nin a sacha, nin o almorzo, nin os lindeiros da leira. Ninguén sabe como ir e vir, nin como levar a semente, os picóns das patacas.  Os científicos seguen coa investigación e algún día, froito da tecnoloxía e sen terra, teremos alimentos dabondo para todos. Seguindo a ruta interplanetaria, haberá patacas a moreas.

Artigo publicado en:

El Progreso 
(14/03/17)
Dirio de Pontevedra (14/03/17)
La Región (15/03/17)
El Correo Gallego (15/03/17)

Artigos publicados anteriormente:

85).
Patacas para todos (15/03/17)
84
).
Son todos iguais? (08/03/17)
83). Cantoras das verdades (01/03/17)
82). Por que? (22/02/17)
81). Fermín, a bondade (15/02/17)
80
). Esquecemento
(08/02/17)
79). Vázquez Queipo (01/02/17)
78
).
Menos de 7 anos (24/01/17)

77). A Academia (18/01/17)
76
).
Vaia por Deus! (11/01/17)
75). Venturoso 2017! (04/01/17)

Anos 2016 e 2015

Luís Loureira - l.loureira@luisloureira.eu