Luís Loureira

SECCIÓNS

INICIO

O ESCULTOR

NOVAS

HEMEROTECA

GALERÍA

LIGAZÓNS

CONTACTAR


A Peneira dos Soños
Escultura conmemorativa do premio literario Biblos-Pazos de Galicia

TÍA MANUELA

Cara bonita

Luís Celeiro

03/01/2018


Levantouse tarde e foi andar polas ourelas do río do seu pobo, por onde aquel día, o un de xaneiro, non andaba ninguén. Tampouco estaba no seu sitio aquel home sen teito que tódalas mañanciñas espertaba debaixo da ponte, ao pé dun dos seus piares feito de cantería, coas mans dos homes. Os bares estaban pechados e as portas das casas tamén. Polos camiños, entre as casas, polos carreiros e sendeiros non rebulía unha folla. Silencio sepulcral na primeira mañá do ano, igual que tódolos anos. Ese día tampouco se podía ler o xornal, aínda que as novas non se detiveron e os acontecementos seguiron o seu ritmo normal. 

Nestas datas a festa parece obrigada. Foguetes, bebida a esgalla, comida cara, brindis entre amigos e familiares, doces de toda clase, casta e feitura. Unha ducia de uvas para cada quen ao son das campás. A festa é mundial, pero as formas son distintas. Incluso hai países nos que os seus costumes seguen outro calendario. A policía ben que se encarga, por exemplo en Arabia Saudita, de que ninguén festexe o fin de ano e o aninovo. Eles seguen o calendario lunar. Na India, por orde gobernamental, o ano comeza o 22 de marzo.

En Irán, Afganistán, Azerbaiyán, Pakistán, Tayikistán, Turkmenistán e Uzbekistán celebran o comezo do ano, o “Novo día”, o primeiro día da primavera, nos últimos días do mes de marzo. En Israel é outra cousa, os xudeus festexan o seu ano novo polo mes de setembro, agora están no 5778. Granadas, mazás e mel sen filloas son dos produtos axeitados para a festa de conmemoración da creación de Adán e Eva.

En China fan festa tamén polo ano novo, pero van polo seu calendario e cos seus costumes. A finais de xaneiro entran no 4716 e as celebracións durarán medio mes. O día grande coincide co primeiro día do primeiro mes lunar. En todo caso, como dixo a cantautora inglesa, Neon Hitch, non se pode facer festa todo o tempo, en especial nos meses de decembro e xaneiro, pero  a Tía Manuela persiste en que, aínda que sexa unha soa vez no ano, a festa e a alegría son alimentos que nutren adecuadamente a alma, fan ben para o corazón, disuaden os efectos do reuma e dan cor á cara bonita da vida. 

El Correo Gallego (03/01/18)

Artigos publicados anteriormente: 

127). Cara bonita (03/01/18


Luís Loureira - l.loureira@luisloureira.eu