Luís Loureira

SECCIÓNS

INICIO

O ESCULTOR

NOVAS

HEMEROTECA

GALERÍA

LIGAZÓNS

CONTACTAR


A Peneira dos Soños
Escultura conmemorativa do premio literario Biblos-Pazos de Galicia

(Artigo publicado o 25-7-18 en El Progreso, La Región, Diario de Pontevedra e Atlántio Diario)

A PATRIA GALEGA, DE MOITOS E DE NÓS

Luís Celeiro

26/07/2018


O 25 de xullo de cada ano é un día importante para Galicia, para os homes e mulleres, para a mocidade, para as persoas máis novas e para as máis vellas. É un día importante para deixar ver que somos un pobo con discrepancias, con diferenzas, con pluralidade de ideas e formas ben distintas de pensar e de facer, dando sinais de que Galicia ou Galiza é o primeiro, independentemente de como cada quen lle chame.

O “Día da Patria Galega” ten forza, moita forza e grande tradición. As súas orixes remóntanse a 1919, ano no que As Irmandades da Fala acordan celebrar o día 25 de xullo de 1920 cunha gran festa para a Galicia enteira. Unha festa patriótica que servira para dicirlle ao mundo que “aquí estamos nós”, galegos e galegas oprimidos, traballadores oprimidos, labregos oprimidos, rapaces sen escola, enfermos sen sanidade e moita xente neste país de nós sen perspectivas, sen camiño para andar cara o futuro, cara ese cobizado futuro que se afastaba en cada noite pecha.

Os promotores querían que o Día de Galicia fose  unha festa de exaltación da identidade nacional galega “un día de recollemento e de ledicia para os galegos, un acto esterno para que moitos dos nosos compatriotas se dean conta do que son, da terra nai, á que teñen que volver si queren ser algo. Desta maneira espertarán do seu soño e traballarán nun futuro glorioso”. Aquela primeira celebración de 1920 foi como unha espoleta que produciu unha enorme explosión para o  ano seguinte. Segundo A Nosa Terra, a festa reivindicativa de 1921 foi solemne e “en case tódolos pobos da patria”.

No labor estaban os grandes, aqueles homes que, como Castelao, tiñan ao país na cabeza e no corazón, os irmáns Villar Ponte, Losada Diéguez, Vicente Risco, Ramón Cabanillas ou Ramón Otero Pedrayo, entre moitos outros intelectuais galeguistas que puxeron o seu traballo, o seu coñecemento e moito esforzo ao servizo da razón e da liberdade que querían para Galicia e para o pobo galego. Eran propagadores das mensaxe das Irmandades da Fala, nacionalistas galegos que, como Antón Villar Ponte, entendían que “a nosa lingua é o camiño de ouro da nosa redención e do noso progreso: sen a lingua morreremos como pobo, e nada significaremos endexamais na cultura universal”.

Pero, non poido ser, a ditadura de Primo de Rivera foi vigorosa e moi recia, deixando ao pensamento galeguista sometido aos abismos da censura, ata as eleccións constituíntes da República, en xuño de 1931, nas que a Galicia lle correspondían corenta e sete deputados, dezaseis por Lugo, dez por Ourense, nove por Pontevedra e trece por A Coruña. Non estaría mal que, para ben de todos e para refrescar a memoria, os deputados actuais de Galicia en Madrid repasaran os nomes e os apelidos daqueles representante do pobo galego, que leran  os seus discursos e, despois, que falaran, a poder ser, na tribuna parlamentaria.

Todo ía, máis ou menos, ben para os defensores dunha Galicia de seu. O 25 de xullo era o día da festa grande e, o vinte e oito de xuño de 1936, apróbase en referendo o primeiro Estatuto de Autonomía de Galicia. Aqueles homes loitadores e aquela xente de enorme “sentidiño” deron un paso que parecía definitivo, pero decontado preséntase o revés. O golpe de estado contra o goberno democrático da Segunda República e a guerra civil tronzan as esperanzas dos galegos e a vida de moitos deles.

A prohibición afectaba ao pensamento, á fala  e á acción, tanto que fose colectiva como individual. Daquela, entramos nun período negro, o máis negro da nosa historia, que -por certo- está aínda sen aclarar, con prolongacións escuras, contra as que hai que permanecer en loita, con tódalas forzas, con todo o respecto e con toda a contundencia.

Obviamente o “Día da Patria Galega” non pode ser un solo día por ano. Igual que o día de Galicia, o da igualdade ou o do medio ambiente. Teñen que ser cada día, dende a mañá á noite e de noite igual que de día. Euskadi ten o Aberri Eguna, Cataluña, a Diada, e ámbalas dúas conmemoracións son xornadas de exaltación da identidade nacional de cada país. Nós, os galegos temos dispersión, como se quixéramos quitar fortaleza ao pobo, distribuíndoo en sectores aparentemente diferentes, en lugares e escenarios distintos e con eslogans distintos.

Amigos!, é cousa das organizacións políticas, que miran demasiado polos intereses da propia organización e polo lustre da empeña dos zapatos e, se é o caso, do sombreiro de tea ou de palla de quen manda. Ese ou esa que manda, para facelo ben, debe, antes de nada, aprender a escoitar e saber obedecer, aínda que, como o director da orquestra, para mover a batuta teña que dar as costas á audiencia, por multitudinaria que sexa.

O BNG de Ana Pontón e dun montón de xente, incluídos romeiros procedentes de moitos puntos de Galicia, anunciaron, pregoaron e vocearon aos catro ventos que se cumprían cincuenta anos da primeira celebración  do “Día da Patria Galega”. Certo, foi en 1968 cando, convocados pola Unión do Pobo Galego (UPG), un grupo de revolucionarios preparados, listos e arriscados, xúntanse en manifestación para reivindicar unha Galicia nacionalista e un compromiso co nacionalismo integrador, por encima das normas e das ordes ditadas. En 1979, pasa a denominarse “Día da Patria Galega” e aí segue actualmente, como se fose a mobilización do nacionalismo enteiro, independentemente da organización que o promova.  

"Nós somos herdeiras e herdeiros dese momento e entendemos que reivindicar a memoria é tamén dar pasos cara ao futuro”, dicía unha das representantes do BNG, Goretti Sanmartín Rei, ao presentar os actos que se celebran hoxe en Santiago de Compostela e que teñen como eixo a “manifestación nacional” que vai pola capital de Galicia, como outros anos foi, con milleiros de persoas, dende a Alameda ata Quintana dos Mortos.

Son cincuenta anos de historia, de subidas e baixadas, sempre reivindicando a unidade dos nacionalistas, ao mesmo tempo que escenificaban as súas discrepancias. Os da Asemblea Nacional Popular Galega (ANPG) e simultaneamente os da Asemblea Popular Galega (APG), despois os do Bloque Nacional Popular Galego (BNPG) e agora os do Bloque Nacionalista Galego (BNG) e tódalas súas excisións achegábanse a Santiago nun día de festa rachada.

Os de sempre, na Alameda e na Quintana. Os outros, onde cadraba e onde podían. A Asemblea Popular Galega (APG) coa súa Nación de Breogán, o Partido Obreiro de Galicia (POG), tamén liderado por Camilo Nogueira Román, igual que Esquerda Galega (EG); o Colectivo Comunista 22 de Marzo, o Partido Comunista de Liberación Nacional (PCLN), a Frente Popular Galega (FPG) ou a Assemblea do Povo Unido (APU), cada un coas súas propias tocatas e coa voz erguida esixían xustiza, unidade, traballo e liberdade, sendo conscientes de que, como dicía Nelson Mandela, “ser libre non é só desfacerse das cadeas que te atan, senón vivir dunha forma que respecte e mellore a liberdade dos outros”.

Neste escenario de enfrontamento das organizacións de esquerda e nacionalistas co poder, cómpre ter en conta un actor tamén principal, o Partido Socialista Galego (PSG), fundado a principios dos anos sesenta e reivindicando, conxuntamente coa ANPG e a UPG nas eleccións de 1981, “unha Galicia sen silencios nin servidumes”, naquela época, cando un dos seus lemas rezaba en voz alta: “os socialistas galegos somos nós”.

Para este 25 de xullo, cincuenta anos despois, os actores seguen por separado reclamando unidade, participación e colaboración, pero hai que ter paciencia e  agardar, hai que esperar que cambie a lúa para poder axuntar todas as forzas na mesma dirección, para que a Patria duns, sexa tamén a dos outros, para erguer con firmeza e con sosego a mesma bandeira. En Marea, Anova, Compromiso por Galicia, Vía Nova Galicia, Lugo Novo, Cerna, Compostela Aberta, Unión Cidadá Galega, Podemos, Podemos 15M Vigo ou Contigo Pódese, son máis nomes de organizacións que enchen o mapa de siglas políticas de Galicia, onde os partidos rexistrados superan os catrocentos. Moitos para unha soa Patria, aínda que sexa a Galega.

Luís Loureira - l.loureira@luisloureira.eu