Luís Loureira

SECCIÓNS

INICIO

O ESCULTOR

NOVAS

HEMEROTECA

GALERÍA

LIGAZÓNS

CONTACTAR


A Peneira dos Soños
Escultura conmemorativa do premio literario Biblos-Pazos de Galicia

TÍA MANUELA

Moncho, pensamento e corazón

Luís Celeiro

06/08/2018


Os cronistas, comentaristas e historiadores da actualidade, dicían que eran tres curas revolucionarios. É certo, o de curas (que foron e, despois, non foron)  e tamén é certo que eran revolucionarios, pero non eran tres. Eran moitos máis e afortunadamente moitos deles aínda son. Efectivamente, xente coa cabeza no seu sitio e o pensamento, lonxe da desconfianza, sempre en acción para favorecer a quen quere e merece axuda, para dar de vivir aos que están e aos vindeiros.
 
Mocho, Gino e Gumersindo eran tres dos tres. Había máis, pero estes tres eran os tres claramente identificados e definidos. Organizados  cada un pola súa conta, solidarios e especiais repartidores de mestría, de empatía e sorrisos; doadores de todo o que a xente humilde, naqueles anos  setenta  do século pasado, precisaba e quería. Aquela xente que a eles tanto os apreciaba e respectaba.

Gumersindo Campaña Ferro anda por Mesía, segue polos altares; Domingo Martínez Beiro (Gino) deixouse de cura hai moitos anos e anda pola Coruña facendo o que pode para que a memoria perdure de forma fidedigna, e, o terceiro, Moncho Valcarce Vega, o crego das Encrobas, segue dando que falar dende o seu repouso divino, dende o paraíso, onde descansan as almas. A Irmandade que leva o seu nome, e que festexa cada pouco as súas accións de loita revolucionaria, está dándolle brillo e vida á súa traxectoria compartida, cunha exposición, “Moncho Valcarce. Unha vida de compromiso con Galiza”, no Museo do Pobo Galego, no convento de San Domingos de Bonaval de Santiago de Compostela.

Ramón Muñiz de las Cuevas e Xácome Santos Gayoso saben que “cando todo está perdido, aínda queda a memoria” e así, lembrando ao “irmán”, lembran tamén “as loitas labregas máis importantes que houbo en Galicia dende os anos setenta” ata que deixou de habelas. Incluídas a das Encrobas, a de Baldaio e a loita contra da cota empresarial, que concentrou en Lugo, o 26 de novembro de 1977, a milleiros de labregos procedentes de toda Galiza e dispostos a “darlle a volta á tortilla”.

Na loita dos labregos estaba outro crego, Leopoldo de Melide, o frade e avogado, Leopoldo López Rego, outro fillo morto da mesma terra oprimida. Agora, prezados lectores, queda pouco do que falamos, FENOSA “non é nosa”. Quédanos, como ben dicía a Tía Manuela, a razón, o entendemento, o pensamento e o corazón.

Artigo publicado en:

Diario de Pontevedra (07/08/18)
El Progreso (07/08/18)
El Correo Gallego
(08/08/18)
La Región
(08/08/18)

Artigos publicados anteriormente: 

Luís Loureira - l.loureira@luisloureira.eu