Luís Loureira

SECCIÓNS

INICIO

O ESCULTOR

NOVAS

HEMEROTECA

GALERÍA

LIGAZÓNS

CONTACTAR


A Peneira dos Soños
Escultura conmemorativa do premio literario Biblos-Pazos de Galicia

Pregón de Luís Celeiro nas festas patronais de Chantada, de 2018

Foi o día 25 de agosto, despois do Folión de carros

26/08/2018


  • -Sr. Alcalde de Chantada
  • -Membros da Corporación Municipal
  • -Pte. da Asociación do Folión de Carros
  • -Autoridades, veciños e veciñas, forasteiros, visitantes, romeiros, peregrinos e, moi especialmente, integrantes do Folión e organizadores das festas.
  • -Colegas, xornalistas que representades aos medios de Comunicación.
  • -Admirados pregoeiros de anos anteriores, cantores e actores; pintores, escultores, empresarios, hostaleiros, traballadores, labregos e amigos desta festa e de nós.

Estamos no medio de Galicia, nunha ourela da Ribeira Sacra, no epicentro da beleza desta terra hospitalaria que como lle escoitei dicir ao periodista,  autodenominado naturista, Joaquín Araujo, cando fala do pracer de comtemplar, “a terra ama as nosas pisadas, e teme as nosas mans”.

Estamos relembrando aos pasados e coa mirada posta e fixada no porvir, no futuro que non chega nunca. Pero tranquilos, que os tempos que veñen non teñen razón nin motivo para seren peores que os que pasaron.
No epicentro cultural de Galicia, que é o mesmo que estar no centro do mundo, o suficientemente preto e lonxe ao mesmo tempo.

Os desta terra sodes ribeiraos, festeiros e loitadores. Tan loitadores como traballadores, pola mañanciña, ao longo do día e ao solpor. Loitadores na contenda diaria contra das inxustizas, contra a desigualdade entre homes, entre pobos e mesmo (ou con máis eficiencia, se cabe) contra a desigualdade de xénero e contra o maltrato coas persoas, e cos animais. Loitadores contra do exercicio da violencia, que en palabras do divulgador científico Isaac Asimov “é o último recurso do incompetente”.

Dende este corazón, Galicia bombea esperanza, solidariedade, moderación, templanza e eficacia en tódalas accións de progreso. Aí embaixo está o Miño,
“un río de luz
polo que, un día, habemos de navegar”,
que vén e vai flanqueado por monumentalidade, por arte e historia,  pola paisaxe impresionante e sabia, tan sabia e sobresaliente como a paisaxe que aloumiña á Serra do Faro, a da capela da Nosa Señora, a preto de 1.200 metros de altitude, dende onde se agarra o ceo coas mans. Alí, na intersección de Lugo con Rodeiro e Pontevedra enteira.

Dende Ponferrada a Santiago, pasando por esta vila e polas súas terras, transitan e andan os peregrinos que van turisteando ou peregrinando, pasmando e admirando a arte que nos rodea, que nos envolve como se fose un manto amoroso. Arte e beleza destes tempos construída devagar ao longo de varios séculos. O Camiño de Inverno, o ideal para facer no verán, á sombra das sombrías ladeiras que potencian o espertar, favorecen o silencio, reparten ledicia con poesía e canto.

Poesía no século XIII coas cantigas de Xoán de Requeixo e cos magníficos poemas da moita xente nova, creadora de soños e facedores dun mundo mellor, conscientes de que para que sexa bo ten que parecerse ao mundo de terra adentro. Ao mundo dos contadores de historias, dos versificadores, dos facedores de arte, pintores, escultores, carpinteiros, xastres de traxes de pana, ferreiros, zapateiros, músicos, muiñeiros e conselleiros profesionais e algúns amigos.

Cos pés e a cabeza en Chantada, alguén tivo mando na banca e dende Belesar, outro “galego por nacemento, devoción e práctica”, dirixiu parcelas importantes da política europea. Aquí temos a fundador dun importante grupo hostaleiros , con millóns de camas feitas, con sabas limpas e planchadas en máis de 150 países do mundo.

Con tinta china, con azafrán e café, Anxel Gómez Montero pintou, no século pasado, amplas coleccións de bruxas e de meigas. E, a filla de Daniel,  deputado nas cortes constituíntes de 1931, e  Modesta, a primeira muller Licenciada en Farmacia pola Universidade de Santiago de Compostela, Pilar Vázquez Cuesta,  foi na Universidade de Salamanca a primeira catedrática de Galego-Portugués.
En fin, Chantada ten a sorte de que a natureza está do seu lado, igual que os seus fillos e fillas, que entre todos  agrandan as virtudes deste pobo, integrado na Ribeira Sacra e que, a bo seguro, será en breve, por decisión da UNESCO, Patrimonio Mundial.

Escritores de moito nome e de renome, economistas, xornalistas, profesores, enxeñeiros, médicos, profesionais da socioloxía,  da psicoloxía e do dereito, xente con coñecemento en tódalas ramas do saber e anónimos arrieiros, camioneiros, deportistas de sona, porteiros, labradores e tendeiros, viñoteiros ou funcionarios son de aquí, xente de paz e traballo, aos que quero render homenaxe con este breve e sentido parzamique.

Xa vedes, queridos amigos, e sabédelo mellor que eu, a importancia da contorna é grande por miles de razóns, independentemente das diferenzas de pensamento de crenza, de formación e traballo, todos os de Chantada e os que veñen a Chantada teñen aquí nesta praza, neste cruce de camiños e neste Folión de Carros unha referencia que non se pode, nin se quere, nin se debe, perder.
 
E, falando de perder, temos un problema. A poboación de Chantada, segundo datos oficias, o ano pasado superaba por moi pouquiño as oito mil persoa. Era o 44% menos da poboación do ano 1900. Destas persoas, 1.100 teñen máis de 80 anos e 550 teñen menos de 10. A situación obriga a facer unha parada, respirar fondo e analizar as razóns polas que se produce tamaño despropósito, como se foramos por un camiño que cómpre reparar ou facer de novo. Para fuxir do abismo, debemos cambiar de paso e, coa axuda da mocidade, farémolo. 
  
Permitídeme, a estas horas da noite, outra reflexión en voz alta. Estamos vendo este Folión de Carros, un carreto de arte, plasticidade e colorido; as xogadas xunguidas de gala, descansando e tanta xente diante de nós, gozando. O xurado aí ao lado deliberando, os músicos afinando e todos agardando a que este pregón ou sermón vaia acabando.  

Carreto de arte, dixen. En tódalas súas vertentes, pero fundamentalmente na creatividade e na innovación. Mellorando cada ano. Dá gusto velos, cautivan aos nosos sentimentos ao pasar paseniño, tan lúcidos, tan elegantes e tan enxeñosos, deixando a pegada do seu andar e pensando que este é o conto gozoso de nunca acabar. Para o 2019 cómpre volver e non perder nunca a alegría da festa.

Queridos amigos, sabedes ben que a música fai baile e o baile xera amizade e liberdade. Tal como reflicte aquel verso de Novoneyra, “bailas e faisme libre”.

  • Que perduren as festas e o Folión de Carros. Que ninguén esqueza de ver o programa e non deixen de pasar pola festa de empanada! Se poden, veñan ao Entroido Ribeirao, á Feira do Viño e, para calquera cousa, a Chantada.
  • Grazas e boas  noites.

Luís Loureira - l.loureira@luisloureira.eu