Luís Loureira

SECCIÓNS

INICIO

O ESCULTOR

NOVAS

HEMEROTECA

GALERÍA

LIGAZÓNS

CONTACTAR


A Peneira dos Soños
Escultura conmemorativa do premio literario Biblos-Pazos de Galicia

O presidente, Miguel Ángel Santalices, recolle a escultura, `Harmonía´, de Luís Loureira

O Parlamento de Galicia recibe o Premio Internacional APECSA 2018

O xurado, por unanimidade, destacou o labor do Parlamento ao aprobar por unanimidade, en 1991, o Plan Xacobeo 93

20/12/2018


O presidente de APECSA, García Palmeiro entrega o premio ao presidente do Parlamento, Miguel Ángel Santalices


O Parlamento de Galicia recibiu, nun acto celebrado no Museo das Peregrinacións e de Santiago, na cidade de Santiago de Compostela, o día 20 de decembro de 2018, o Premio Internacional APECSA 2018 de divulgación do Camiño de Santiago, convocado pola Asociación de Periodistas e Estudosos do Camiño de Santiago (APECSA), dedicado ao Xacobeo 93.

O Xurado, presidido polo xornalista e vicepresidente da Asociación promotora, Luís Celeiro Álvarez, destacou o notable labor do Parlamento ao aprobar por unanimidade, en 1991, o Plan Xacobeo 93, un proxecto para a dinamización socioeconómica e cultural de Galicia, a través do Camiño de Santiago, un ben histórico e con perspectivas de futuro, declarado pola UNESCO `Patrimonio Mundial´, o 10 de decembro de 1993.

No acto participou o presidente de APECSA, Xosé María García Palmeiro, quen fixo entrega ao máximo representante do Parlamento, Miguel Ángel Santalices Vieira, dunha distinción de Asociación convocante e unha escultura, `Harmonía´, da autoría do lugués Luís Loureira.

Tanto os representantes da Asociación que convocou e entregou o Premio, APECSA, como a representación dos gañadores valoraron moi positivamente a repercusión do Xacobe 93 na dinámica de cambio en Galicia, sobre todo nos ámbitos da cultura, das relacións entre comunidades e entre países, da economía e do turismo. Todos coincidiron en que o Xacobeo 93 foi un éxito que merece ser reeditado. O acto converteuse nunha homenaxe a Vázquez Portomeñe, promotor daquel Xacobeo, que moitos consideran como guieiro do Xacobeo 2021.

Asistiron ao acto autoridades autonómicas e locais, xornalistas, estudosos do Camiño de Santiago, responsable de albergues dos distintos Camiños, membro e directivos das distintas Asociacións de Amigos do Camiño de Santiago en Galicia, entre eles, o Xerente do Xacobeo, Rafael Sánchez Bargiela, quen pronunciou un discurso en representación do Conselleiro de Cultura e Turismo, o deán da Catedral de Santiago, Segundo Pérez, a directora Xeral de Patrimonio da Xunta, o Secretario Xeral de Política Lingüística, o cantautor Amancio Prada, concelleiros e concelleiras de varios concellos de Galicia e amigos do Camiño de Santiago, que se desprazaron dende o Cebreiro, dende Samos, Sarria, Palas de Rei, a Fonsagrada, Mondoñedo, o Barco de Valdeorras, Quiroga, Laza, Ourense, Tui, Fisterra, A Coruña e outros puntos de Galicia.

A decisión do xurado foi adoptada por unanimidade dos seus membros, xunto co presidente, a secretaría Purificación Carballo Pérez e os vogais Xavier Goyanes Vilar, Carme Prado Pico e Xosé Luís Muñoz Portabales. Na acta tamén figura unha mención especial para a UNESCO, pola relevancia que, nos últimos 25 anos, lle deu ao Camiño de Santiago, recoñecéndoo como un dos bens culturais máis importantes a nivel mundial, tanto polo seu valioso patrimonio material como inmaterial.

Luís Loureira - l.loureira@luisloureira.eu