O seu longo silencio transmitía mensaxe de fondo calado,
sorprendía á audiencia, mentres as persoas que enchían a ringleira de oradores
quedaban atónitas, sen saber como reaccionar e sen saber que dicir ante tan
forte expresión calada. Era un silencio
pausado que falaba solo, que formaba parte da oratoria contundente e que
agradecían os máis atrevidos e máis ousados do lugar e do parlamento. Era como
un silencio musical que non conturbaba a angueira de ninguén. Pola contra,
animaba á parroquia para que aumentaran os discursos pausados, conciliadores,
dialogados. Aqueles que con pouca palabra, e sen ruído, teñen mensaxe e moito
entendemento.
O silencio na política é un mérito e na vida, tamén.
Diante da sociedade, e cun minuto de duración, é un claro sinal de dó, unha
tristeza. Cando non se sabe que dicir é outra tristura, como a pena enorme que
teñen aqueles obrigados a calar, contra a súa vontade, polas razóns que sexa.
Nunca serán razóns suficientemente poderosas aquelas que impoñen o silencio aos
outros. E, o silencio administrativo? Que cousas! A burocracia apodérase das
palabras, do falar e do calar e aí está a Administración arrogante dando
resposta a un procedemento co silencio, o simple silencio administrativo, nuns
casos con sentido positivo e noutros con sentido negativo para os cidadáns do
montón.
Aquí é cando procede non calar, cando convén recorrer e
facer valer os dereitos. Lembrando a Voltaire, “tódolos homes teñen iguais
dereitos á liberdade e á súa prosperidade”. Si, señora! É importante observar
que a convivencia social e a harmonía
radican en boa parte no respecto ao dereito alleo. Por suposto ao
dereito de falar.
Hai teorías e versións diferentes, pero Novoneyra
explicábao perfectamente, “de tanto calar xa falo eu solo”. Estamos onde os
decibelios e os foguetes teñen a súa importancia, onde o ruído contribúe
decididamente a incomunicación, á incomprensión e, de rebote, á intolerancia.
Estamos aquí, nesta Galicia grande e pequena ao mesmo tempo, rodeados de
tecnoloxías das comunicacións, con altofalantes de grande eficacia, coa
verdade, a mentira, o bulo e a postverdade circulando impunemente. Como di a
Tía Manuela, “estamos onde se pode falar, pero non escoita ninguén”. Artigo publicado en:
168). Silencio (17/10/18) 167). Ciencia e progreso (10/10/18) |