Luís Loureira

SECCIÓNS

INICIO

O ESCULTOR

NOVAS

HEMEROTECA

GALERÍA

LIGAZÓNS

CONTACTAR


A Peneira dos Soños
Escultura conmemorativa do premio literario Biblos-Pazos de Galicia

TÍA MANUELA

Diferentes e iguais

Luís Celeiro

05/01/2022


Os mares unen territorios e os homes sepáran, crean fronteiras, dividen, fan negocio e matan. Dende a razón non se entende ben que é o que está pasando e dende o corazón non se entende nada. O mar traga e tragou, en 2021, segundo o informe de Caminando Fronteras, máis de catro mil persoas que ían (ou viñan) na procura do paraíso, a unhas millas da miseria súa, do seu pobo, dos seus gobernantes e de súa xente toda. Atoparon a morte e alá van. De moitos deles non se sabe nada e de moitos outros, tampouco.
 
O informe deste Observatorio de Dereitos nas Fronteiras, relativo ás vítimas, pon os pelos de puta. Oitenta e tres embarcacións desapareceron, ao longo do ano pasado, con tódalas persoas abordo e outros catro milleiros morreron ao seu paso pola fronteira, máis do 94% están sen identificar. É a peste da miseria, da ruindade e da desigualdade, é o sufrimento dos pobos e dos homes que máis sofren, dos que non teñen nada, dos que foxen da fame buscando un trago de auga e, se fose posible, unha codia de pan.  

Homes, mulleres e nenos, en ringleiras, cara a ningures, en viaxe sen retorno, sen luz e sen esperanza. Sen nome, sen vida e sen alma. Son coma nós, tan humanos coma nós, pero roubáronlles o pouco que tiñan.

Das catro rutas observadas, a Canaria, a Ruta de Alborán, a de Alxeria e a do  Estreito, a primeira é a de máis mortes, con 124 naufraxios en 2021 e milleiros de mortos. As catro rutas son perigosas, con enormes dificultades e escasas probabilidades de acadar a meta que se persigue. E se chegaran á terra, as dificultades persistirían, pero xa sería outra cousa para esa enorme masa de humildade procedente de vinte e un países distintos, sobre todo africanos, marroquís, alxerinos ou senegaleses, pero tamén de Siria, Bangladesh, Paquistán ou Iemen.

É obvio que alguén non respecta os dereitos á vida que teñen os cidadáns, sexan de onde sexan e independentemente da cor da súa pel. É evidente que os responsables desta desgracia agochan a súa actitude, o seu facer e seguramente o seu pensar.

Onde están os que matan a tanta xente? Que pretenden? Que queren? As mafias e os mafiosos, como di a Tía Manuela, “son a verdadeira peste mundial; son cans bravos que morden, roen e rillan na cara, na alma, no pulmón e no cranio dos homes que constitúen os pobos, diferentes e iguais”.  

Luís Loureira - l.loureira@luisloureira.eu