Luís Loureira

SECCIÓNS

INICIO

O ESCULTOR

NOVAS

HEMEROTECA

GALERÍA

LIGAZÓNS

CONTACTAR


A Peneira dos Soños
Escultura conmemorativa do premio literario Biblos-Pazos de Galicia

APECSA CONVOCA O X PREMIO INTERNACIONAL 2022 DE DIVULGACIÓN DO CAMIÑO DE SANTIAGO

Edición dedicada a Pilar Armesto Valiña

29/06/2022

A Asociación de Periodistas e Estudosos do Camiño de Santiago (APECSA) convoca o X Premio Internacional de Divulgación do Camiño de Santiago, que distinguirá ao mellor traballo ou acción de difusión e promoción da ruta e os valores xacobeos no ano anterior ao desta convocatoria (2021) e no primeiro semestre deste ano 2022.

A Xunta Directiva de APECSA dedica esta Edición, in memoriam, a Pilar Armesto Valiña (Sarria 1955 - O Cebreiro 2021), hospitaleira, mesoneira, dinamizadora e defensora dos valores do Camiño de Santiago, pioneira no asociacionismo e na acollida aos peregrinos.

Poderán presentarse obras e iniciativas de divulgación, promoción e protección do Camiño de Santiago e dos seus valores en libros, publicacións, traducións, producións audiovisuais, series en calquera soporte, congresos, xornadas, encontros e/ou accións realizadas por institucións e persoas físicas ou xurídicas, en defensa e beneficio do Camiño de Santiago.

As propostas deberán enviarse ata o día 5 setembro de 2022, ao correo-e: xornalistas.caminodesantiago@gmail.com ou dirixirse a: APECSA, Rúa Castrón Douro, 20, (15703-Santiago de Compostela).

O Premio, igual que nas edicións anteriores, non ten dotación económica e o ganador recibirá unha escultura, Harmonía, do lucense Luís Loureira e un diploma acreditativo.

Na edición de 2021, o Premio foi para a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG). No ano 2020 o ganador do Premio foi o grupo musical A Quenlla, sendo ganadoras en 2019 as Universidades de Santiago de Compostela e de Cagliari (Italia). O Parlamento de Galicia foi premiado en 2018 e nas dúas edicións anteriores, 2017 e 2016, os premiados foron, respectivamente, Segundo Pérez,  daquela, deán da Catedral de Santiago, e a revista Peregrino, editada pola Federación Española de Asociacións de Amigos do Camiño. Javier Gómez-Montero, catedrático de Literaturas Románicas da Universidade alemá de Kiel, foi premiado na edición de 2015, despois do recoñecemento á Editorial Bolanda pola edición de “La Gran Enciclopedia del Camino de Santiago”.

A Asociación convocante, APECSA, constituída en 1992, é unha das máis veteranas no seu ámbito e a ela pertencen xornalistas, escritores, historiadores e estudosos do Camiño de Santiago.

Bases

1. Poderán presentarse a esta edición do Premio Internacional APECSA de Divulgación do Camiño de Santiago, obras e iniciativas de divulgación e promoción xacobea -libros, publicacións, producións audiovisuais, series en calquera soporte, congresos, xornadas, encontros, etc.- editadas ou executadas no ano 2021 e no primeiro semestre deste ano 2022, aínda que poidan ter unha continuidade no tempo. En todo caso, non se premiarán traxectorias, senón o traballo realizado por persoas físicas ou xurídicas de calquera parte do mundo, por institucións ou entidades que teñan entre os seus obxectivos a defensa, conservación e divulgación da cultura e patrimonio xacobeo.

2. As iniciativas a concurso deberían estar orientadas, preferentemente, a todo tipo de públicos e presentar unha faceta orixinal e renovadora en materia de difusión do Camiño e do mundo xacobeo, en calquera das súas realidades -relixiosa, cultural, turística, etc.-Valorarase o alcance, xustificado, da súa difusión e a súa importancia no desenvolvemento local. As obras e iniciativas poderán proceder de calquera país e presentarse en calquera idioma occidental. Serán presentadas polos seus promotores ou autores. Os membros do xurado, antes de comezar as deliberacións, poderán presentar candidaturas.

3. O xurado estará formado por cinco membros, persoas de recoñecida traxectoria. Dous membros corresponderán a APECSA, designados pola súa Xunta Directiva, e os tres restantes, a invitación de APECSA, representarán ás asociacións ou colexios de xornalistas, ao mundo da hostalería e o comercio vinculados ao Camiño, e ás entidades xacobeas (asociacións, institucións, etc.).

4. O xurado poderá declarar o Premio deserto, compartilo entre máis dunha proposta e conceder, se así o estima, ata un máximo de dous accésits. A decisión do xurado será inapelable.

5. Non poderán presentarse ao Premio as iniciativas promovidas pola Asociación convocante, APECSA.

6. O prazo de presentación e recepción de obras e iniciativas a concurso finaliza o día cinco de setembro de 2022. O acto de entrega do Premio realizarase antes do 28 de novembro de 2022.

7. As candidaturas presentaranse a través do correo electrónico, xornalistas.caminodesantiago@gmail.com,  ou dirixíndose á seguinte dirección postal: Rúa Castrón Douro, número 20. 15703 Santiago de Compostela. Farase constar en lugar destacado o título do premio e a edición correspondente.

8. O Premio consistirá nunha escultura, Harmonía, de Luís Loureira e un diploma acreditativo.

9. As propostas non premiadas poderán ser recollidas polos seus responsables ou quen debidamente lles represe, na mesma dirección de entrega, antes dos tres meses posteriores ao fallo do Premio.

Santiago de Compostela, 29 de xuño de 2022

Asociación de Periodistas e Estudosos do Camiño de Santiago

xornalistas.caminodesantiago@gmail.com

Luís Loureira - l.loureira@luisloureira.eu