Luís Loureira

SECCIÓNS

INICIO

O ESCULTOR

NOVAS

HEMEROTECA

GALERÍA

LIGAZÓNS

CONTACTAR


A Peneira dos Soños
Escultura conmemorativa do premio literario Biblos-Pazos de Galicia

TÍA MANUELA

Aquela rapaza pequena

Luís Celeiro

15/04/2020


Choraba como unha madalena, non era quen de avistar o final do túnel, non apreciaba luz ningunha. Estaba confundida, non sabía como reaccionar nin se podería facelo. Era todo escuridade negra, con fantasmas de negro circulando por ela, campando ás súas anchas e ocupando a imaxinación enteira da rapaza de cabelos louros, daquela moza asustada, acostumada a moitos e distintos sucesos, pero, nesta ocasión, amedrentada, agardando que se vexa a luz no cabo do buraco.

Sen confianza, sen decisión e sen concreción de nada, segue agardando, esperando polo que non chega, mirando pola fiestra da cociña para unha veciña que vai camiñando pola beirarrúa enmascarada, co can ou ca cadela, cos guantes de goma e coa empanada. A veciña anda apurada, ten moitas portas que abrir antes de chegar á súa casa, e quere chegar pronto para escoitar o reconto dos mortos e dos infectados. Gústalle ver, na televisión, a eses homes uniformados, engalanados e acicalados, dando conta do ben que o fan os corpos aos que pertencen e do ben que seguen todos eles as ordes telemáticas do mando único.

Ela non, non comparte -ao parecer- o credo da veciña, nin quere comulgar con rodas de muíño. Coa enorme impotencia de persoa sensata, honesta e triunfadora, chora de pena, de aflición e dor. Chora e cala, mentres que quen debe falar, fala e non di nada. Parece que este é un mundo ao revés, no que só á cidadanía tócalle apandar, como sempre. Queda tempo para observar, para cantar, tocar e aplaudir, para aprender da dor, da inmensa dor que produce, no corazón e na alma da sociedade, ese tarro cunha manchea de cinzas “do meu morto, dos nosos mortos”.

Dante, o autor da Divina comedia, dicía  que “quen sabe de dor, sábeo todo”, por iso a Tía Manuela, fiel ás mensaxes do “Poeta Supremo” para os italianos, pensa que a lección terémola aprendida cando se vaia o coronavirus, cando haxa tempo para a reflexión e cando se retire ese mando único. Daquela, moitos outra vez na casa, poderemos darlle unha volta máis ás últimas páxinas e, cun forte abrazo interminable, honrar e gardar a memoria dos pasados. Aquela rapaza pequena e co pelo de cor castaña, será a nosa guieira, cun enorme ditado de humildade que coloque a cada quen no seu sitio.  


Artigo publicado en:
El Progreso (14/03/20)
La Region (15/04/20)
El Correo Gallego (15/04/20)
El Ideal Gallego (16/04/20)
Diario de Ferrol (16/04/20)
Diario de Arosa (16/04/20)

Artigos publicados anteriormente:
245). Aquela rapaza pequena (15/04/20)
244). Onde estarán? (08/04/20)
243). Responsabilidade e solidariedade (01/04/20) 
242). Idiota  (25/03/20)
241). Alianza  (18/03/20)
240). Guapa!  (11/03/20)

Luís Loureira - l.loureira@luisloureira.eu