Luís Loureira

SECCIÓNS

INICIO

O ESCULTOR

NOVAS

HEMEROTECA

GALERÍA

LIGAZÓNS

CONTACTAR


A Peneira dos Soños
Escultura conmemorativa do premio literario Biblos-Pazos de Galicia

TÍA MANUELA

No camiño da igualdade

Luís Celeiro

10/06/2020


Impresionante! Pasa o tempo, corren os anos, cambian os gobernos, os sistemas, as ataduras, os medios de ensino e de transporte, as modas, as formas de vestir e as formas de peitearse a xente, pero nada máis. Hai aspectos que non se moven e as desigualdades non minguan. Non! Pola contra, ás veces, atufan como se medraran e medran, agrándanse entre os iguais, entre as persoas de aquí e de acolá, entre os homes e as mulleres, entre os mozos e entre os vellos, aos que tanto se lles quere alí na residencia de non se sabe onde, nunha cidade, nunha vila ou nun descampado calquera.

A burocracia dos Servizos Socias e de Igualdade medra cada día, agrándanse as estruturas gobernamentais, aumentan os altos cargos e as altas cargas en medidas desproporcionadas. E fano como se fose o normal ou o mellor para as persoas que sofren a desigualdade real, para os que teñen chagas no corpo e ferida a alma, para os que non teñen máis consolo que o sentir daqueles versos de Celso Emilio Ferreiro: Anque as nosas palabras sean distintas, / e tí negro i eu branco, / si temos semellantes as feridas, / coma un irmáu che falo.

Para acadar a igualdade de dereitos, que vai parella coa igualdade de responsabilidades, é conveniente fuxir da hipocresía e que a sociedade, e todos e cada un dos seus integrantes, estea comprometida e respecte os valores da liberdade, da xustiza e do pluralismo. É conveniente que a sociedade teña presente, sempre, que a propia igualdade é un dos valores primeiros, é un Principio e é un Dereito Fundamental.

As e os que andan na política, ás veces, parece que non o entenden e converten a igualdade nun medio de vida, de traballo, de estudio, de discusión e tamén de lucro; nunha arma de ataque directo á liña de flotación do navegante adversario, mentres as accións que a violentan son cada vez máis cruentas, por absurdas que parezan. Alguén sabe cal é o camiño? A Tía Manuela apunta á educación, á formación e ao acceso ao traballo, ao respecto, ao compromiso e ao sentido común.

Efectivamente, pero sen esquecer que aquelas persoas ou grupos que se atopan en situación de desvantaxe social, económica, política, sanitaria ou cultural deben ser favorecidas e apoiadas polos poderes públicos, por enriba de tódalas fronteiras, / por enriba de muros e valados, no camiño da igualdade.

Artigo publicado en:
El Progreso (09/06/20)
La Region (10/06/20)
El Correo Gallego (10/06/20)
El Ideal Gallego (11/06/20)
Diario de Ferrol (11/06/20)
Diario de Arosa (11/06/20)

Artigos publicados anteriormente:
253). No camiño da igualdade (10/06/20
247). Meniños nosos  (29/04/20

Luís Loureira - l.loureira@luisloureira.eu