Luís Loureira

SECCIÓNS

INICIO

O ESCULTOR

NOVAS

HEMEROTECA

GALERÍA

LIGAZÓNS

CONTACTAR


A Peneira dos Soños
Escultura conmemorativa do premio literario Biblos-Pazos de Galicia

TÍA MANUELA

A forza do país

Luís Celeiro

12/02/2020


A forza do país está na Universidade, na formación, na investigación, na docencia e no reparto do coñecemento, como un dos importantes bens sociais, un dos motores principais para acadar a igualdade e a solidariedade entre os homes e as mulleres do mundo mundial. A riqueza dun país e das súas xentes está directamente proporcionada coa súa capacidade investigadora, coa innovación, coa aprendizaxe, co nivel de ensino, coa creación de talento e coa honestidade das xentes dos seus lugares e barrios.

O informe “La Universidad Española en Cifras (2017-2018)” di que nos territorios do Estado hai un número de universidades asimilable ao de outros países desenvolvidos e o rendemento académico, ao parecer, tampouco é peor que o da maioría dos vinte e dous países analizados no informe. En fin, andamos como os outros, nuns aspectos ben e noutros, regular ou mal. Referíndose  ao conxunto, no Estado hai unha universidade pública ou privada por cada 15.500 estudantes universitarios potenciais (unha pública por cada 24.000). É moito ou pouco?
Aí están as tres universidades galegas na loita constante pola calidade, vencendo atrancos permanentes, superando tempos e tempestades, avanzando cada día e rendendo contas á sociedade á que se deben. Aí están pelexando contra a peste do localismo que invade as súas entrañas,  apadriñado pola política das castas, da insensatez e o infortunio.  Aí están superando a media, entre as mellores, nos cometidos encomendados e na xestión dos medios contados.

A propia Universidade debe procurar a excelencia e alertar, diagnosticar e prognosticar a dimensión da doenza do localismo, dese que impide o desenvolvemento normal e natural. O dos aeroportos, por poñer un só exemplo. A Universidade non pode estar suxeita ás especulacións e ás penurias económicas, e o poder debería situarse nesa mesma liña, proveéndoas de normas que lles permitan o desenvolvemento das súas funcións sociais.

Para acabar, permítanme lembrar que non é viable, nin recomendable, ter unha facultade na porta de cada casa. As galegas son suficientes, excelentes en docencia, en investigación e en xestión. Noraboa! Como di a Tía Manuela, “se fosen menos, tamén chegaban”.


Artigo publicado en:

El Progreso (11/02/20)
La Region (12/02/20)
El Ideal Gallego (13/02/20)
Diario de Ferrol (13/02/20)
Diario de Arosa (13/02/20)


Artigos publicados anteriormente: 

236). A forza do país (12/02/20)
235). O camiño dos humildes (05/02/20)
234). Un conto verdadeiro (29/01/20)
232). Xustiza cultivada (15/01/20)
231). A riqueza dos humildes (07/01/20)
230). Con harmonía e concordia (02/12/19)

Luís Loureira - l.loureira@luisloureira.eu