Luís Loureira

SECCIÓNS

INICIO

O ESCULTOR

NOVAS

HEMEROTECA

GALERÍA

LIGAZÓNS

CONTACTAR


A Peneira dos Soños
Escultura conmemorativa do premio literario Biblos-Pazos de Galicia

TÍA MANUELA

Medo, para que?

Luís Celeiro

17/02/2021


El tiña medo ao can e ao gato, ao fracaso e ao éxito espontáneo, a ese que chega entre lusco e fusco. Os outros tamén tiñan medo e non sabían que camiño coller para fuxir. Corrían todos, uns diante dos outros, pero ninguén chegaba. A verdade é que corrían cara a ningures e cara o abismo. Que pena! E aí está a pandemia atemorizando á cidadanía mundial, para que todos, homes e mulleres, nenos e vellos, se poñan ao rego e aren. O medo imponlle á xente unhas condicións de submisión nunca vistas nin imaxinables, deplorables e inxustas.

Ese sentimento de inquietude que se experimenta ante a presenza dun perigo dana a convivencia e fai moito mal aos que xa están mal. É unha mágoa vivir con medos, pensar que pasa o tren e quedas en terra, que non tes que darlles para comer aos fillos, que suspendes o exame, que vas, tranquilamente e con velocidade moderada, no teu coche pola autoestrada e zas!, directamente para UCI saturada e cos integrantes do equipo sanitario mortos de traballo e con medo.  Con moito medo a perder as eleccións, andan os responsables políticos do negociado, eses que procuran, por tódolos medios, estender o temor, sabendo que é unha ferramenta ben apropiada para  ter á poboación atada, atrelada á argola do pánico.

“O Estado mesmo constitúese por medo”, dicía o filósofo Thomas Hobbes. E a mesma sociedade, conxuntamente cos seus dirixentes, é xeradora de medos, entre eles o medo ao odio, á enfermidade,  a perder o emprego, á fame e ao inferno.  Se vostedes, prezados lectores deste xornal, paran un instante e reflexionan sobre o medo, enseguida caen na conta de que forma parte das ideoloxías e das relixións, de forma tristemente permanente.

Epicuro, o filósofo que naceu en Samos (Grecia) no ano 341 antes de Cristo, xa o dicía, ao ser humano aféctanlle catro  medos: o medo aos deuses, o medo á morte, o medo á dor e o medo ao fracaso. Agora, na contemporaneidade, hai que engadir o medo aos inimigos e aos compañeiros de partido. Pepe de Cereixo, un pescador de chalana que rema de noite e de día, di que o medo é libre, con tanta liberdade como a auga do mar, que vai e vén con toda a forza da verdade, mollada e salgada, para regular o tránsito, as entradas e as saídas.

Os medos agora están no teléfono: a epidemia, o cambio climático, a criminalidade, as crisis globais de valores e económicas, as mentiras, a soidade e un sen fin de medos como noutros tempos, a quen lle interesarán e para que?

Artigo publicado en:

El Progreso (16/02/21)
La Región (17/02/21)
El Correo Gallego (17/02/21)
El Ideal Gallego (18/02/21)
Diario de Arosa (18/02/21)

Artigos publicados anteriormente:

289). Medo, para que? (17/02/21)
288). Á disposición dos lobos (10/02/21)
287). As variantes  (03/02/21)
284). Quen é aquel nada? (13/01/21)
283). Os motores do desenvolvemento (06/01/21)
282). A tenrura do neno pequeniño (30/12/20)
281). Aprendiz, antes que mestre (23/12/20)
280). Quen manda aquí? (16/12/20)
279). Confinamento, mellor na casa (09/12/20)
278). Cousas do demo (02/12/20)
277). Regulamentos, por moreas (25/11/20)
274). Cita previa (04/11/20)
273). Alarmas continuadas (28/10/20)
272). A palabra dada (21/10/20)
262). Un mal sen parangón (12/08/20)
261). De punta en branco (05/08/20)
260). No alcance da mirada (29/07/20) 
259). A ilusión de mandar (22/07/20)
256). Confianza, para rexenerar a esperanza (01/07/20)
255). Cada vez queren gañar máis (24/06/20)

Luís Loureira - l.loureira@luisloureira.eu